Comentario en la web de ábrete de orellas
Vivimos tempos de notable produción para a música enfocada a un público
infantil, ou talvez mellor sería dicir familiar. Tras os exitosos
libro-discos "María Fumaça" e "A nena e o grilo nun barquiño" chega
agora esta "Rosalía pequeniña" de Uxía. Se vén de musicar a Manoel María
en "Andando a terra", atrévese agora coa nosa poetisa por excelencia,
tan coñecida e descoñecida a un tempo. Xa o sinala no fermoso texto
Begoña Caamaño, "a música é sempre un dos mellores vehículos para
descubrir e gozar da poesía; por iso Rosalía foi sempre tan cantada".
De
novo cos arranxos equilibrados do seu fiel Sérgio Tannus, Uxía compón
"Rosalía pequeniña" con Magín Blanco, fai cancións de poemas de Rosalía
de Castro ("Como chove miudiño", "Miña Santiña, miña santasa", "Maio
longo", "A grasia non era moita" ...) e recupera con tino "A Rosalía (No
bico un cantar)" de Luis Emilio Batallán sobre poema de Curros
Enríquez. Para evitar a linealidade na voz e instrumentalización,
colaboran Guadi Galego, Sés, Aline Frazao, Habelas Hainas, Señora Carmen
... e as mans de Isaac Palacín, Santi Cribeiro, Pablo Seoane, Adrián
Solla, Benxamín Otero e, sobre todo, o "brasilego" Sérgio Tannus.
Un
traballo ben acabado, talvez algo relaxado para ouvintes pequenos e, xa
que logo, máis enfocado a que a familia se achegue xunta á fusión de
poesía e música. Agás nalgunha peza como "Xan" ou "A grasia non era
moita", non procuredes aquí entreter nenas e nenos dun xeito puramente
lúdico. Coma exemplo, a fermosa "Falares de amor", da que seguramente
gozaremos @s menos nen@s. Ben apuntan na contracapa as diferentes caras
da nena poeta: "Rosalía pequeniña, pirata, poeta, aventureria ou fada.
Rosalía pequeniña para cantar, para rir, para gozar ou bailar."
A
presentación física, editada por Galaxia na colección Sonárbore,
agasalla coas ilustracións de Marina Seoane, doces como a voz da Uxía.
Pepe Cunha, 28-xuño-2013
No hay comentarios:
Publicar un comentario